Posted 3 years ago

Un paxaro excepcional

Un dos paxaros mais frecuentes nas costas de Islandia é o charrán ártico (Sterna paradisaea), que leva acompañándonos toda a viaxe e do que xa puxemos algunha foto. Sempre nos gustou esta ave pola súa silueta e a elegante forma de voar.

Sorprendeunos moito cando, buscando mais información sobre él na wikipedia, nos enteramos de que este paxaro, mais pequeno que grande, fai todos os anos unha viaxe de ida e volta ata a Antártida. Durante os meses do noso verán, cria nas latitudes altas do hemisferio norte, e cando os días empezan a facerse cortos, emigra ata a Antártida para pasar alí o verán do hemisferio sur. Ao remate do verán do hemisferio sur, volve outra vez para o norte. Desta maneira, é o animal que mais horas de luz solar disfruta cada ano, xa que durante os veráns polares o dia dura case 24 horas. Percorre para isto uns 70000 km cada ano, polo que é a migración mais longa do reino animal.

Tamén é sorprendente a súa lonxevidade, pois pode chegar a vivir 20 anos.

Posted 3 years ago

A caldeira de Askja

12 de agosto de 2010

Fai moitos miles de anos, un enorme volcán esgotou a lava que lle quedaba na súa cámara magmática, tras o que esta se derumbou e formou unha depresión no terreo duns 50 km², coñecida como caldeira de Askja. O nome de caldeira está motivado porque a nova depresión queda rodeada polas paredes do antigo volcán.

No ano 1875 unha nova e extraordinaria erupción sucedeu dentro da caldeira de Askja, e ao remate desta, outra vez se derrumbou a cámara magmática do volcán, creando unha nova caldeira dentro da antiga caldeira, así como un cráter explosivo ao seu lado. As escorias e cinzas desta erupción causaron a ruina de moitas granxas e forzaron unha emigración masiva cara o norte de Canadá, onde aínda hoxe hai unha comarca con topónimos, tradicións e dialecto islandés. Na foto se observa en primeiro plano, o cráter explosivo Viti cheo de auga azulada. Detrás del, a auga transparente do lago Öskjuvatn formado na caldeira de 1875, e no fondo, as paredes montañosas da gran caldeira de Askja.

Na longa ruta en autobús 4x4 a Askja, paramos a ver o canón que o rio glacial Jókulsá á Fjöllum está comezando a excavar na rocha basáltica.

Posted 3 years ago

Un volcán a punto de estalar

11 de agosto de 2010

Os arredores do lago Mývatn son unha zona volcánica moi activa e se poden ver numerosas manifestacións, tanto antigas como moi recentes, desta actividade. Por exemplo, a paisaxe case marciana de Hverarönð está composta de fumarolas, pozas de lama fervendo e fontes de auga en ebullición que expulsan grandes cantidades de vapor sulfuroso, e todo o entorno está tinxido da cor amarela do xofre e impregnado do seu cheiro fétido.

A escasa distancia, o volcán de fisura coñecido como Krafla entrou en erupción por última vez no ano 1984 e cubreu de lava negra os restos das erupción anteriores de 1724 e 1975.

Gracias ás medicións dos movementos do chan, os científicos saben que a última erupción foi o preludio de unha moito maior que levan esperando desde o ano 1991, pero que aínda non se produciu. A pesar de que as erupcións volcánicas en Islandia son frecuentes, a próxima erupción de Krafla é especialmente temida polas características xeolóxicas deste sistema volcánico, que o fan potencialmente perigoso.

Outros volcáns da zona deron forma ao propio lago Mývatn, que ten unha peculiar costa moi recortada e numerosos illotes, froito de diferentes coladas de lava:

Destacan especialmente uns cráteres creados por enormes explosións de vapor que se produciron cando a lava incandescente cubriu a auga do lago.

Posted 3 years ago

Fendas quentes

10 de agosto de 2010

O entorno do lago Mývatn é a zona mais turística do norte de Islandia pola espectacularidade da súa paisaxe. Está situado directamente sobre o “rift” ou fenda por onde se separan as placas europea e americana, e unha violenta xeoloxía está aínda dándolle forma ao lugar.
Un dos numerosos campos de lava da zona está atravesado por fendas cheas de auga quente, como Grjotagjá, que está a unha temperatura de case 50º.

O cráter de Hverfell é especial por terse formado con unha descomunal explosión ocorrida fai 2500 anos que provocou a acumulación da escoira e cinzas que o forman:

Posted 3 years ago

Ao norte do Círculo Polar Ártico

9 de agosto de 2010

Desde a vila mariñeira de Dalvik embarcamos para ir ata a pequena illa de Grímsey. Situada a 41 km da costa, ten só 5 km de longo e 90 habitantes. Pero o principal atractivo da illa é que o Círculo Polar Ártico a atravesa mais ou menos pola metade. É o único lugar de Islandia situado mais ao norte desta importante referencia xeográfica, que marca o inicio da zona ártica. No lugar por onde pasa o paralelo 66º 33’ 43” hai un poste coas distancias a algunhas das cidades do planeta.

Camiñamos ata o extremo norte da illa (que tamén é o extremo norte de Islandia) e alí fomos testemuñas de como unha foca atrapou un peixe e o comeu tan tranquilamente.

Posted 3 years ago

A pequena capital do norte

8 de agosto de 2010

Akureyri, con 17000 habitantes, é a segunda cidade de Islandia. Situada no fondo do fiordo Eyjafjörður, está considerada como a capital do norte do país. Con só 100 anos de vida, hoxe vive do porto pesqueiro, do comercio e dos servizos. A pesar de estar a apenas 100 km do Círculo Polar Ártico, disfruta dun microclima privilexiado no que se probaron por primeira vez as especies forestais para repoboar as terras islandesas.

A cidade está rodeada de montañas con neve nas cimas. Subimos a Súlur (1144 m) para ter outra perspectiva da cidade e o seu entorno. No cume había un buzón metálico con un libro de visitas no interior, no que estampamos a nosa sinatura e a dirección deste blog.

No camiño habia un musgo de cor verde case fosforescente, que xa vimos mais veces nas zonas altas:

Posted 3 years ago

Islandia rural no século XVIII

7 de agosto de 2010

Se en calquer lugar de Europa a vida no medio rural antes do século XX era dura, aquí en Islandia era bastante mais dura debido ao frío extremo e a falta de luz solar no inverno. Sen embargo, este país leva habitado uns 1000 anos, e os seus habitantes sobreviviron da gandeiría e da pesca.
Na granxa de Glaumbær, hoxe convertida nun museo, pódese ver como era a vida no século XVIII gracias ao estado de conservación dos edificios, mobles e ferramentas de uso cotián.

As paredes e o tellado da granxa son de turba, o que proporciona un excelente illamento térmico.

O interior dividíase en moitas estancias: cociña, despensas, almacéns, dormitorio común, leitería, ferreria, etc. Ainda que as paredes e o teito dalgunhas estancias estaban recubertas de madeira, na maioría a turba estaba á vista. Na leiteria se facian queixos, manteigas e iogures:

Durante o inverno, todos os habitantes da granxa traballaban e comían no dormitorio común, que era o lugar onde se facía a vida:

No entorno non había pedra nin madeira para a construcción, polo que a primeira foi substituída por turba, e a segunda recollíase nas praias, a onde chegaban troncos procedentes dos bosques de outros paises. Onte comprobamos a grande cantidade de madeira que sigue chegando a estas costas, e que todavía se recolle para aproveitar.